Friday 17 de May de 2024

“Música con retranca” no Museo do Humor de Fene


De vacas, Aldaolado, Os da ría e Lilí Berlín protagonizan o novo ciclo de espectáculos humorísticos que organiza a Concellería de Cultura e Ensino

Coincidindo coa conmemoración do Día dos Museos, o vindeiro mércores 18 de maio comeza no Museo do Humor de Fene o ciclo “Música con retranca”, organizado pola Concellería de Cultura e Ensino de Fene coa colaboración da Xunta de Galicia (Cultura no Camiño). O programa inclúe catro espectáculos que se caracterizan por combinar música e humor. Na primeira xornada, o mércores 18 de maio, actuará o grupo “De Vacas”. O venres 20 de maio subirá ao escenario da Casa da Cultura de Fene o dúo formado por Lucía Aldao e María Lado, “Aldaolado”, e no seguinte venres, o 27 deste mes, os protagonistas serán “Os da ría”. O ciclo pecharase o venres 3 de xuño co espectáculo de cabaré “Lilí Berlín”.

Todalas sesión do ciclo “Música con retranca” desenvolveranse no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22) ás 20 horas, agás a última función (Lilí Berlín) que será ás 20.30 horas. As entradas serán de balde aínda que, segundo informan dende a Concellería de Cultura e Ensino, para asistir a calquera dos espectáculos programados haberá que recoller invitacións (2 por persoa) o mesmo día da actuación na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo estará limitado a 120 persoas.

O ciclo “Música con retranca” comezará o vindeiro mércores 18 de maio coa actuación de “De vacas”, grupo formado por Marela, Pinta e Morena (Faia Díaz, Ines Salvado, Paula Romero, excompoñentes do Coro da Ra e do Coro Encaixe) e Guillerme Fernández (integrante de formacións como Berrogüeto ou aCadaCanto). De Vacas realiza “versión de grandes temas venerados polas masas pero maltratados pola historia”. Delas, son moi populares, por exemplo, a súa versión a tres voces do Gangnam Style de Psy ou de cancións das Spice Girls.

O venres 20 de maio actuará no Museo do Humor de Fene “Aldaolado”, dúo formado por Lucía Aldao e María Lado, co seu espectáculo “Pendanga e oso, un espectáculo aldaolado sobre o amor”. Das aventuras ou desventuras amorosas de cada un e de cada unha, “xorden paixóns desenfreadas, anos de martirio, cotas altas de felicidade, ansiedades varias, gozos e sombras. Dese caldo de cultivo xorden tamén os poemas que Aldaolado recitan neste espectáculo, poñéndolle moita música e moito humor ó amor máis romántico e ó amor máis miserable. Dúas poetas no escenario co corazón aberto en canal e escarallándose. Iso é Pendanga e oso, unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso da humanidade”.

O ciclo “Música con retranca” continuará o venres 27 de maio co grupo “Os da ría”, formado por Arturito e Fabián, “dous grandes divos da música lixeira”, acompañados ao piano -no seu formato máis “Íntimo”- polo músico Susito Pián. Neste espectáculo, cheo de inxenio, humor e música, “Os da ría” lembran os seus grandes hits como “Infanta Elena”, “Caramba, que guapa estás” ou “Fernando Ónega”.

E xa para pechar o ciclo, o venres 3 de xuño presentarase no Museo do Humor o cabaré musical Lilí Berlí, con Blanca Cendán e Suso Alonso sobre o escenario. “Lilí Berlín” é un espectáculo cheo de crítica social e política que ten como fío conductor diversas melodías de compositores coma Kurt Weill, Friedrich Höllander, Scott Joplin, John Kander, Norbert Schultze e Kraftwerk entre outros.